Índice
Resumen
Recensión do libro "A balada dos unicornios", de Ledicia Costas.
—O que acaba de suceder no cuarto de León é o que os humanos chamades amor?
—O amor non sucede, amigo. O amor mastígate por dentro dun xeito inexplicable.
Datos do libro:
Sinopse:
A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes.Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución… e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos.Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios.
Canto tempo pode alguén vivir botando en falta outra persoa? Se cadra toda a vida? Pareceulle o máis triste dos finais para unha historia de amor. Convivir coa ausencia engurrando o teu corazón ata volvelo diminuto.
A autora:
Ledicia Costas. Nacín en Vigo alá polo 1979, cando o verán estaba a piques de morrer. Neta dun inventor e filla de dous creadores de soños, escribo desde que teño memoria. Debutei na colección Fóra de Xogo coa novela “Unha estrela no vento” (Xerais 1999), obra escrita en plena adolescencia e que está traducida ao catalán. Na colección Abismos, xunto con outras 24 narradoras, publiquei o relato “Negrita” no volume “Narradoras” (Xerais 2000). “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012) é a miña segunda novela, “Recinto Gris” (Xerais, 2014) a terceira e »Un animal chamado néboa» (Xerais, 2015) a cuarta.. En 2014 gañei o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 con “Escarlatina, a cociñeira defunta” (Xerais, 2014), en 2016 publiquei “Esmeraldina, a pequena defunta” e “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2015 en 2017 «A señorita Bubble». Síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia. A miña obra poética está recollida en distintas publicacións colectivas. Individualmente teño publicado o poemario “Xardín de Inverno”. Son avogada a tempo parcial e poeta a tempo completo. E nas horas libres escribo novela, que é a miña verdadeira paixón.
—Tes medo de algo?
—Da propia felicidade, supoño. Ninguén que de verdade amase logra saír ileso, León —engadiu ela, pensando en Wendy e Sophie.
Personaxes:
—Eu non podo ser feliz en ningures —contestoulle o robot—. Esqueciches outorgarme esa capacidade.
—Non o esquecín, amigo —bisbou ela—. Non se poden fabricar sentimentos.
—Non me refiro a iso, Tic-Tac. Quero dicir que semella unha persoa adulta por como fala, por como se expresa, pola tristura que irradian os seus ollos. Ningún neno debería ser infeliz.
Opinión persoal:
Outra novela mais de Ledicia Costas que chega ao seu fin e, para non variar, outra novela que me deixa sen palabras.
Nesta obra podemos atopar moitas referencias á Bretaña e, sobre todo, a unha das mellores escritoras que deu esa terra: Mary Shelley e a súa obra Frankestein. A este personaxe podémolo ver reflictido en León, un rapaz que loita por dar vida e, cando o consegue, ten que facer fronte a moitos problemas.
Nesta historia paseámonos por un Londres pragado de misterios e asasinatos, unha cidade na que as ansias de poder obrigan a nosa protagonista a fuxir en busca de axuda para salvar ao seu amigo León.
O papel da muller nesta novela non queda relegado a un segundo plano, xa que é ela quen debe ir na procura dun remedio que, de algunha forma, salvará a tódolos londinenses aínda que eles non o saiban. A protagonista amósase coma unha muller forte, que domina as artes científicas, sen empregar a maxia en ningún momento a pesar de coñecela. Merece tódolos nosos respetos porque, a pesar das travas coas que se atopa consegue, dalgunha maneira, acabar cun dos señores máis sanguiñentos da historia da cidade case sen axuda.
En canto aos personaxes secundarios quero destacar a Tic-Tac. Esta pequena creación de Ágata demóstranos que os sentimentos no son nada exclusivos dos humanos.
E por onde se moven estes personaxes? Pois por uns escenarios fantásticos.
Ese Londres cheo de misterio e interesen pola ciencia, a vida, a morte e o corpo humano.
A novela está pragada de pequenas referencias a Julio Verne ou a novela Frankenstein de Mary Shelley.
A historia transcorre de forma rápida e áxil. Se ven e certo que nalgunhas partes podía deterse a explicar algúns detalles que quedan un pouco no aire e que sería interesante afondar mais neles.
Déixanse varias tramas abertas que poderían dar para futuras historias. Quen sabe quizais resolvamos o misterio que se menciona ao final da novela ou coñezamos esa historia de amor da que nos falan de fondo.
Esta historia recoméndoa a toda a mocidade a que lle gusten as historias de aventuras, a ciencia, a maxia a e pluma desta autora que segue marabillando aos seus lectores.
Soamente podo rematar a miña opinión persoal pedíndolle á autora que tarde moito en abandoar a súa pluma máxica, que dende o blog esperamos seguir acompañándoa ao longo de moitas páxinas máis e, sobre todo, que sempre deixe voar a súa imaxinación moi lonxe, pero cun retorno que lle permita xogar tan ben coas verbas.
—Fóra os intestinos, quero os riles limpos, quero as túas tripas, quero os teus pulmóns.