Recensión: A balada dos unicornios, de @LediciaCostas

Resumen

Recensión do libro "A balada dos unicornios", de Ledicia Costas.

—O que acaba de suceder no cuarto de León é o que os humanos chamades amor?
—O amor non sucede, amigo. O amor mastígate por dentro dun xeito inexplicable.

Datos do libro:

  • Título: A balada dos unicornios
  • Autora: Ledicia Costas
  • Ilustradora: Mónica Armiño
  • Páxinas: 192
  • Editorial: Xerais
  • Sinopse:

    A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes.Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución… e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos.Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios.

    Canto tempo pode alguén vivir botando en falta outra persoa? Se cadra toda a vida? Pareceulle o máis triste dos finais para unha historia de amor. Convivir coa ausencia engurrando o teu corazón ata volvelo diminuto.

    A autora:

    Ledicia Costas. Nacín en Vigo alá polo 1979, cando o verán estaba a piques de morrer. Neta dun inventor e filla de dous creadores de soños, escribo desde que teño memoria. Debutei na colección Fóra de Xogo coa novela “Unha estrela no vento” (Xerais 1999), obra escrita en plena adolescencia e que está traducida ao catalán. Na colección Abismos, xunto con outras 24 narradoras, publiquei o relato “Negrita” no volume “Narradoras” (Xerais 2000). “O corazón de Xúpiter” (Xerais 2012) é a miña segunda novela, “Recinto Gris” (Xerais, 2014) a terceira e »Un animal chamado néboa» (Xerais, 2015) a cuarta.. En 2014 gañei o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 con “Escarlatina, a cociñeira defunta” (Xerais, 2014), en 2016 publiquei “Esmeraldina, a pequena defunta” e “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2015 en 2017 «A señorita Bubble». Síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia. A miña obra poética está recollida en distintas publicacións colectivas. Individualmente teño publicado o poemario “Xardín de Inverno”. Son avogada a tempo parcial e poeta a tempo completo. E nas horas libres escribo novela, que é a miña verdadeira paixón.

    —Tes medo de algo?
    —Da propia felicidade, supoño. Ninguén que de verdade amase logra saír ileso, León —engadiu ela, pensando en Wendy e Sophie.

    Personaxes:

  • Ágata: É a protagonista da nosa historia; unha rapaza que ostenta a categoría de “semixenia” pola cantidade de artefactos aos que foi capaz de dar forma e vida. A súa vida non é nada fácil, ata o punto de que ten que enfrontarse case sen axuda a moitos perigos para conseguir o seu fin.
  • Tic-Tac: O maior logro de Ágata. É un robot moi especial, soamente lle faltarían os sentimentos para consideralo un ser totalmente racional, pero é un ser que desperta moita tenrura.

    —Eu non podo ser feliz en ningures —contestoulle o robot—. Esqueciches outorgarme esa capacidade.
    —Non o esquecín, amigo —bisbou ela—. Non se poden fabricar sentimentos.

  • León e Nuno: Son os dous únicos amigos que ten Ágata. Son rapaces moi especiais porque posúen maxia no seu interior, motivo polo cal Cornelia ten un futuro moi escuro para eles. Pero, para Ágata, eles son especiais, e non polos seus poderes, senón porque entre eles tres créase un vínculo capaz de facer enfurecer á directora porque conseguen organizar unha revolta que lle complicará as cousas.
  • Wendy: É a « Raíña Albina”, é a muller qe goberna en Londres nesta época, o seu goberno destaca por manter feliz ao seu pobo, sen tiranía nin escravitude, soamente impartindo xustiza en todo momento. Destaca porque ao longo da historia vainos sorprendendo coas súas intervencións, ata o punto de facernos prantexar cal é a súa verdadeira naturalidade.
  • Cornelia: é a directora da escola. Defínese como unha muller totalmente oposta a wendy. Destaca por ser unha muller, en palabras de Ágata, decrépita, malvada, aciaga e nauseabunda.
  • —Non me refiro a iso, Tic-Tac. Quero dicir que semella unha persoa adulta por como fala, por como se expresa, pola tristura que irradian os seus ollos. Ningún neno debería ser infeliz.

    Opinión persoal:

    Outra novela mais de Ledicia Costas que chega ao seu fin e, para non variar, outra novela que me deixa sen palabras.
    Nesta obra podemos atopar moitas referencias á Bretaña e, sobre todo, a unha das mellores escritoras que deu esa terra: Mary Shelley e a súa obra Frankestein. A este personaxe podémolo ver reflictido en León, un rapaz que loita por dar vida e, cando o consegue, ten que facer fronte a moitos problemas.
    Nesta historia paseámonos por un Londres pragado de misterios e asasinatos, unha cidade na que as ansias de poder obrigan a nosa protagonista a fuxir en busca de axuda para salvar ao seu amigo León.
    O papel da muller nesta novela non queda relegado a un segundo plano, xa que é ela quen debe ir na procura dun remedio que, de algunha forma, salvará a tódolos londinenses aínda que eles non o saiban. A protagonista amósase coma unha muller forte, que domina as artes científicas, sen empregar a maxia en ningún momento a pesar de coñecela. Merece tódolos nosos respetos porque, a pesar das travas coas que se atopa consegue, dalgunha maneira, acabar cun dos señores máis sanguiñentos da historia da cidade case sen axuda.
    En canto aos personaxes secundarios quero destacar a Tic-Tac. Esta pequena creación de Ágata demóstranos que os sentimentos no son nada exclusivos dos humanos.
    E por onde se moven estes personaxes? Pois por uns escenarios fantásticos.
    Ese Londres cheo de misterio e interesen pola ciencia, a vida, a morte e o corpo humano.
    A novela está pragada de pequenas referencias a Julio Verne ou a novela Frankenstein de Mary Shelley.
    A historia transcorre de forma rápida e áxil. Se ven e certo que nalgunhas partes podía deterse a explicar algúns detalles que quedan un pouco no aire e que sería interesante afondar mais neles.
    Déixanse varias tramas abertas que poderían dar para futuras historias. Quen sabe quizais resolvamos o misterio que se menciona ao final da novela ou coñezamos esa historia de amor da que nos falan de fondo.
    Esta historia recoméndoa a toda a mocidade a que lle gusten as historias de aventuras, a ciencia, a maxia a e pluma desta autora que segue marabillando aos seus lectores.
    Soamente podo rematar a miña opinión persoal pedíndolle á autora que tarde moito en abandoar a súa pluma máxica, que dende o blog esperamos seguir acompañándoa ao longo de moitas páxinas máis e, sobre todo, que sempre deixe voar a súa imaxinación moi lonxe, pero cun retorno que lle permita xogar tan ben coas verbas.

    —Fóra os intestinos, quero os riles limpos, quero as túas tripas, quero os teus pulmóns.


    Deja un comentario